Na miña tese de doutoramento dedícome ao estudo dos procesos de transformación dentro da escena de música e baile tradicionáis de Galicia. Estou investigando como a práctica musical e a participación activa no "mundo tradi" moldean e configuran a identidade colectiva da xeración nova. Ao mesmo tempo, examino como a mocidade, a través das súas identidades sociais, culturais e persoais, inflúe e transforma as prácticas, os contidos e os contextos do seu patrimonio musical. Unha dinámica esencial nestes procesos é a identificación, deconstrución e transformación dos roles de xénero heteronormativos na música e no baile mais outros aspectos e contidos patriarcais e sexistas do patrimonio cultural (Campo Martínez & Caramés Agra 2021). A transmisión e a practica da música e do baile libres de roles de xénero heteronormativos e de sexismo acadou unha gran aceptación en varios centros culturais e escolas de Santiago de Compostela, así como no resto de Galicia. A pesar das estruturas e contidos heteronormativos do patrimonio cultural —especialmente construídos e difundidos pola folklorización durante o franquismo mediante a propaganda cultural fascista (Busto Miramontes 2016)— o "mundo tradi" mostra hoxe en día unha presenza rechamante do colectivo LGBTQ+ (Marey 2023; Ardura 2024). A escena ofrécelles espazos onde poden vivir libremente tanto as súas identidades sexuais como de xénero, e ao mesmo tempo experimentar e construír as súas identidades culturais como persoas galegas.
Na miña presentación quería ofrecer unha visión dos procesos de transformación arredor do xénero na escena da música e do baile tradicionáis en Santiago de Compostela, co seus desafíos, conflitos, como tamén posibilidades e éxitos, baseada en datos etnográficos. Ademais, contextualizarei este movemento historicamente e situareino nos discursos internacionais sobre a ruptura cos roles de xénero nas tradicións musicais patriarcais.
- Poster