Presente radical é unha expresión que resoa coa teoría crítica contemporánea para describir un modo de tempo non lineal, intensamente cargado de significado histórico, no que se rompen as narrativas progresivas e se activan novas formas de relación co pasado e co futuro (Benjamin 1940). En diálogo con esta concepción, Donna Haraway (2016) propón “ficar co problema” como forma de permanecer no presente sen nostalxia nin promesa de redención, asumindo a súa carga de contradicións e potencial transformador. Desde esta perspectiva, o arquivo sonoro pode ser pensado non como un dispositivo de depósito de memoria, senón como un espazo relacional no que se actualizan afectos, saberes encarnados e formas de estar no mundo. A escoita do arquivo, situada e compartida, actúa así como un xesto radical de reapropiación do tempo e do territorio.
Nesta comunicación propoño unha reflexión sobre o arquivo sonoro desde unha perspectiva que articula a etnografía da escoita coa noción de presente radical. Para iso, centrareime no estudo de caso do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade –APOI– do Museo do Pobo Galego, abordando situacións nas que a escoita individual e colectiva de rexistros de música de tradición oral dá lugar a procesos de reconstrución de vínculos interxeracionais, territoriais e afectivos. A través da observación participante en aulas de canto tradicional e baile, e de entrevistas etnográficas realizadas en espazos nos que o arquivo se mobiliza como ferramenta pedagóxica e comunitaria, achegareime a experiencias de escoita nas que se reconfiguran vínculos, sentidos e formas de transmisión. Neses contextos, a escoita abre zonas de tensión entre o que se conserva e o que se transforma, revelando friccións que, sen seren necesariamente explícitas, sinalan conflitos latentes arredor do dereito a nomear, escoitar e pertencer.